Soledad Muniategui Lorenzo

Vicerreitora Primeira e de Investigación e Transferencia

Licenciada (1985) e Doutora en Farmacia (1989) pola Universidade de Santiago de Compostela

Catedrática de Química Analítica no Departamento de Química da Facultade de Ciencias

Son Catedrática de Química Analítica desde 2003 no Departamento de Química da Facultade de Ciencias e actualmente dirixo o Instituto Universitario de Medio Ambiente (IUMA) da UDC.

Licenciada (1985) e Doutora en Farmacia (1989) pola Universidade de Santiago de Compostela, realicei unha estancia postdoutoral na Facultade de Farmacia de Université Paris-Sud 11 (Francia). Posúo unha ampla traxectoria docente e investigadora no ámbito da Química Analítica. Fun Axudante de Universidade no Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC (1989-1990), en 1991 incorporoume á UDC como Axudante de Universidade e posteriormente como Profesora Titular de Universidade (1992), impartindo docencia en distintas titulacións de licenciatura, grao, máster e doutoramento na Facultade de Ciencias. 

Desde 2016 coordino o Grupo de investigación Química Analítica Aplicada (QANAP), recoñecido como un grupo consolidado e de referencia competitiva no Sistema Universitario Gallego desde 2006. As súas liñas de investigación céntranse no desenvolvemento de novas estratexias de análises ambientalmente sostibles para a determinación de substancias químicas nos campos industrial, ambiental e agroalimentario, na avaliación de contaminantes prioritarios, persistentes e emerxentes (hidrocarburos, pesticidas, fármacos e produtos de hixiene persoal, plastificantes, metais e compostos organometálicos, disruptores endocrinos, microplásticos…) e no medio ambiente e saúde, con especialización en calidade do aire, calidade da auga e medio mariño.

Participei en máis de 50 proxectos de I+D financiados en convocatorias competitivas de ámbito autonómico, nacional e europeo (H2020, JPI, Euramet, COST, Interreg, FP7), en 25 deles como investigadora responsable, e en máis de 60 contratos/convenios con industrias, institucións públicas e centros tecnolóxicos, na maioría como investigadora responsable. Dirixín 19 Tese Doutoral. Os resultados da investigación deron lugar a 295 publicacións en revistas científicas internacionais, 19 libros/capítulos de libros e máis de 360 comunicacións en congresos. Participei en estudos de intercomparación de métodos analíticos e exercicios interlaboratorio de ámbito nacional e europeo. Teño tres Patentes e modelos de utilidade en explotación. Participo en Redes de Investigación nacionais e europeas, así como en diversos Comités de Organización e Científicos de congresos e reunións de ámbito nacional e internacional. 

Desempeñei diversos cargos académicos e de xestión: actualmente son Directora do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña (2016-), anteriormente Secretaria do mesmo (2013-2016); Directora do Departamento de Química Analítica (1997-2013) e Secretaria do mesmo (1990-1997).

Coordino Máster en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental da Universidade da Coruña desde 2012 ata a data, que este ano 2023 recibiu a Mención de Excelencia. Coordinadora do Programa de Doutoramento interdepartamental “Química Ambiental e Fundamental” da Universidade da Coruña (1997-2006, 2006-2011), con Mención de Calidade e Mención cara á Excelencia. 

Académica de Número da Real Academia de Farmacia de Galicia, fun Secretaria (2013-2022) e actualmente Tesoureira da mesma. Vicepresidenta da Sociedade Española de Química Analítica (SEQA) (2012-2020) e vogal da súa Xunta Directiva (2023). Vogal no Consello Galego de Seguridade Alimentaria da Xunta de Galicia. Participo como membro do Grupo Técnico sobre Contaminantes Orgánicos Persistentes (COP) do Ministerio Medio Ambiente e Medio Rural e Marino. Membro do Comité Científico da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN)-Sección Consumo (2015-2018).