Vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica
Licenciatura en Enxeñería Industrial en Barcelona (1991)
Doutorado en Enxeñería Industrial na UDC (1995)
Son Catedrático de Universidade da área Matemática Aplicada. Estudei Enxeñería Industrial en Barcelona, onde me licenciei en 1991, e doutoreime, tamén en Enxeñería Industrial, na UDC en 1995. Obtiven o Premio Endesa en 1995 e o Premio Extraordinario de Doutoramento polos traballos da miña tese doutoral no desenvolvemento de métodos numéricos en aplicacións na enxeñería eléctrica. En 1999 obtiven o Premio Galicia de Investigación Científico-técnica para Investigadores Novos. Realicei estancias de investigación no Wessex Institute of Technology no Reino Unido, na University of Arizona e na Northwestern University en Estados Unidos. Formei parte da Comisión de Selección da Investigación da Xunta de Galicia, da Comisión de Avaliación de Profesorado Lector e Colaborador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Catalunya AQU, do panel de avaliadores da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia ACSUG e da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva ANEP e do panel de expertos do programa Academia da ANECA.
Son autor dunha vintena de libros, de máis de 70 artigos en revistas internacionais e 200 comunicacións en congresos; dirixín 12 tese doutoral. Entre os cargos de xestión desempeñados cabe destacar que no período 1992 a 1999 fun subdirector xefe de Estudos da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos; de 2005 a 2013 fun director do Departamento de Métodos Matemáticos e de Representación da UDC e, do 2013 ao 2021, director da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos.
Diseño y desarrollo: TNR