Neste día que se conmemora o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o candidato a Reitor da Universidade da Coruña nas presentes eleccións, Fermín Navarrina, xunto co seu equipo reitoral, manifestan o seu profundo rexeitamento e contena á violencia de xénero como unha das violacións dos dereitos humanos máis devastadoras e estendidas.
Afirmamos o noso rotundo compromiso na loita por unha sociedade máis igualitaria, xusta, segura e libre para todas as mulleres. Cremos firmemente que para poñer fin á violencia contra as mulleres é necesario educar e formarse en igualdade.
O noso primordial obxectivo é favorecer políticas universitarias transversais que faciliten a integración da perspectiva de xénero na vida política, científica e cultural da nosa universidade.
Serán políticas académicas destinadas á formación e investigación en perspectiva de xénero, á súa aplicación transversal dentro dos contidos e materias que se imparten en todas as titulacións, e á coordinación e cooperación entre toda a comunidade universitaria e todos os axentes sociais. O noso obxectivo será articular unha rede de coñecemento mutuo, compartido e distribuído que nos permita investigar as causas e as solucións, e gañar en sensibilización sobre a igualdade, para que esta secuela social da violencia de xénero non forme parte da nosarealidade cotiá nin futura.