Unha maior presenza institucional e conexión coa contorna

Non é posible aceptar que a universidade estea isolada da súa contorna, de costas á sociedade á que se debe e invisible para o contexto en que está inmersa: o ámbito universitario foi sempre berce de ideas, proxectos e alternativas que se instalan na sociedade e se imbrican cos distintos estamentos e institucións que a forman. Tampouco é comprensible unha universidade desinformada de si mesma, cuxos compoñentes descoñezan as potencialidades e o bo facer dos seus colegas, o que inevitablemente imposibilita o diálogo, as sinerxias necesarias para o desenvolvemento e, en último termo, a excelencia que debe ser exportada.

 

Os nosos obxectivos:

  • A integración de toda a Universidade na contorna económica e social, atendendo á potenciación das relacións con outras universidades e institucións.
  • Dirixir e coordinar a comunicación da Universidade para difundir e consolidar a visibilidade interna e externa, potenciando a imaxe de marca UDC.

En resumo, pretendemos despregar a universidade cara á sociedade.

 

A nosa estratexia:

Dotar á UDC dos instrumentos apropiados para potenciar a súa visibilidade e marcar unhas pautas e obxectivos claros para logralo, organizados ao redor das liñas mestras que representan as nosas propostas.

 

As nosas propostas:

  • Incremento das relacións internas e externas da Universidade.
  • Incremento no intercambio científico e cultural.
  • Incremento das relacións persoais.
  • Incremento da comunicación e da visibilidade.

 

  1. Incremento das relacións internas e externas da Universidade

Debemos incrementar as relacións da Universidade cos diversos organismos internos e externos, mellorando as xa existentes e establecendo outras novas.  

Os nosos compromisos:

  • Establecer e manter de forma efectiva para a UDC as relacións externas con outras universidades e organismos públicos de investigación.
  • Manter unha liña constante de diálogo e colaboración coas institucións locais, provinciais, autonómicas e nacionais e, de forma moi especial, cos concellos da Coruña e Ferrol, coa Deputación da Coruña e coa Xunta de Galicia.
  • Establecer unha canle de comunicación directa e efectiva co Consello Social.
  • Manter unha relación constante coa Fundación da UDC.

 

  1. Incremento no intercambio científico e cultural

A relación coa contorna social ha de ser bidireccional; é por iso necesario articular todos os instrumentos necesarios que garantan un fluxo de información e de difusión de coñecemento da universidade cara ao exterior e un retorno equivalente do que a sociedade nos ofrece.

Os nosos compromisos:

  • Crear o Observatorio da Ciencia e a Cultura (ObCC), un novo instrumento para que as actividades universitarias cheguen ao noso ámbito máis inmediato (centros de ensino, asociacións, sociedades, academias, museos…) e para que a propia universidade se beneficie da actividade da contorna na que se atopa inmersa.
  • Garantir que o ObCC estrutúrese como unha ponte para axitar a vida científica e cultural da Coruña, Ferrol e, en xeral, de Galicia a través de actividades programadas con personalidades de renome mundial.
  • Converter á UDC nun hub de deseño e da cultura creando sinerxias coas grandes fundacións e industrias especializadas, no ámbito da moda, da tecnoloxía, do audiovisual, etc. 
  • Potenciar a divulgación científica á sociedade, pois entendemos que a ciencia debe ser accesible ao cidadán e que incrementar a presenza social do científico tamén forma parte do labor universitario.
  • Establecer relacións de cooperación co Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía.
  • Promover espazos de discusión entre diversas institucións, organizacións non gobernamentais e departamentos universitarios para afrontar conxuntamente o reto da sustentabilidade.
  • Poñer en valor as nosas bibliotecas diante unha sociedade que ignora o máis dun millón de volumes que atesouran.
  • Potenciar as xornadas de portas abertas e as visitas á UDC.
  • Potenciar os ciclos de conferencias e actividades divulgativas para os centros de secundaria e bacharelato, e as xornadas de orientación universitaria.

 

  1. Incremento das relacións persoais

O mellor activo da universidade son os seus estudantes. Na nosa idea de política universitaria é incomprensible que o esforzo empregado en formar durante anos aos mellores alumnos e o longo período de convivencia necesario para facelo, durante o cal se establece un forte vínculo entre a institución e os seus futuros egresados, simplemente desapareza ao finalizar os estudos.

Os nosos compromisos:

  • Involucrar aos antigos alumnos nos plans de responsabilidade científica, académica, social e institucional da UDC.
  • Articular un sistema de seguimento e colaboración na vida universitaria dos nosos egresados.

 

  1. Incremento da comunicación e da visibilidade

Un obxectivo fundamental da nosa política de Goberno céntrase en aumentar a presenza social da UDC, resaltando o seu carácter único e as virtudes e potencialidades da nosa institución.

Os nosos compromisos:

  • Crear a Oficina de Relacións cos Medios (ORMedia) que será a ligazón entre a Universidade e os medios de comunicación a nivel local, nacional e internacional.
  • Elaborar e desenvolver un innovador Plan Estratéxico de Comunicación, que guíe a comunicación interna e externa da UDC.
  • Axudar aos membros da comunidade universitaria a difundir información sobre as investigacións máis importantes, publicacións, avances culturais e científicos e calquera outra actividade que xurda dentro da universidade e que se considere de relevancia para o público xeral.
  • Proporcionar aos Centros e Departamentos asesoramento de comunicación estratéxica e planificación.
  • Atraer a bos estudantes, profesores e xestores, establecendo unha contorna académica creativa e estimulante, onde poidan achegar o mellor de si mesmos, e que axude a retelos.
  • Aumentar a visibilidade da UDC e as súas potencialidades impulsando e dignificando a imaxe de marca UDC.
  • Desenvolver e potenciar o márketing e a implantación social da nosa entidade corporativa.
  • Garantir a presenza da UDC nos medios; as campañas de publicidade, a utilización das redes sociais e o emprego dunha web dinámica, útil e accesible, serán puntos cardinais neste empeño.
  • Elaborar unha Guía de expertos que estará dispoñible para potenciar a relación entre os membros da comunidade universitaria e para facilitar aos medios o contacto con especialistas da nosa institución nos temas de actualidade que nun momento dado desexen abordar.
  • Establecer un portal que facilite a conexión da UDC fundamentalmente cos medios e, en xeral, con todos aqueles estamentos que queiran obter información sobre a UDC, as súas características e membros.
  • Creación da Unidade de Deseño Gráfico, directamente entroncada coas funcións de visibilidade Institucional e encargada de producir unha ampla variedade de material de alta calidade visual destinado para a impresión ou presentación electrónica. Este material estará dispoñible para os Centros e Departamentos da UDC e utilizarase especificamente para a diseminación das actividades universitarias.
  • Coordinación cos Centros no que se refire ao funcionamento e uso das pantallas electrónicas, de modo que resulten un instrumento válido de información á comunidade universitaria.