Un firme compromiso coa sustentabilidade

A UDC, do mesmo xeito que todas as institucións responsables da educación superior, xoga un papel decisivo nos próximos anos para abordar propostas e xerar novos coñecementos que permitan actuar fronte á actual crise social e ambiental na que estamos inmersos. Neste senso, é de subliñar o papel que a Educación e a Investigación xogan informando, promovendo e implementando desenvolvemento sostible e responsable tanto no plano global como no local.

De acordo con Nacións Unidas, a educación é un dereito humano e un axente primario de transformación cara ao desenvolvemento sostible, e as Universidades teñen a misión de impregnar con este concepto holístico todas as áreas nas que se desenvolve o coñecemento e a súa propia actividade xestora. A sustentabilidade chegou a xogar un papel tal que configura hoxe un amplo espectro de accións a desenvolver desde as universidades.

 

O noso obxectivo

Neste contexto, o compromiso da UDC coa redución do impacto do cambio climático é ineludible. Como institución de educación superior somos conscientes da necesidade de adaptar as nosas estratexias e accións para acomodar a resiliencia que se require para adaptar progresivamente as condicións físicas, sociais, políticas e económicas, ao deseño dun futuro máis sostible. Somos conscientes tamén da responsabilidade e da obrigación que temos de proporcionar os recursos necesarios que permitan a implicación non só das ciencias naturais, senón tamén das ciencias sociais, as humanidades, e as áreas científicas máis tecnolóxicas, así como da industria e da comunidade local nun proxecto común que promova conciencia e acción efectiva e responsable coas cuestións da sustentabilidade global.

 

As nosas propostas

  • Unha acción conxunta para frear o impacto do cambio climático.
  • Un consumo ético e responsable.
  • Abrir o debate á sociedade.
  • Boa gobernanza e desenvolvemento estratéxico sostible.
  • Reducir a nosa pegada ecolóxica.

 

1. Unha acción conxunta para frear o impacto do cambio climático

A UDC debe dotarse dunha estratexia máis efectiva na utilización dos recursos enerxéticos e a xestión dos seus residuos. Pero tamén debe crear un espazo de decisión conxunta coas institucións locais e as empresas responsables, que conduza á dotación dun sistema de transporte máis sostible.

Iso require a adopción dunha perspectiva económica que permita aos distintos axentes da comunidade universitaria entender e transformar a actual política de xestión de recursos nun sistema máis eficiente, optimizando a administración, promovendo unha utilización ecoloxicamente máis responsable, e propoñendo unha guía completa de apoio á toma de decisións desde unha perspectiva de sustentabilidade a longo prazo.

 

2. Un consumo ético e responsable

No debate da enerxía, a UDC ten a responsabilidade de abrir un debate sobre a política de consumo responsable, dinamizando e promovendo un uso racional de recursos e promovendo un desenvolvemento de enerxías alternativas e tecnoloxías que supoñan aforro enerxético.

Así mesmo, requírese profundar no sentido da ética e a responsabilidade ambiental, promovendo un enfoque cara á sustentabilidade baseado na contribución que cunha política ecoloxicamente responsable faise ao conxunto da comunidade global, e que facilite un sistema de apoio á adopción de decisións consistente co desenvolvemento sostible. Isto implica adoptar unha estratexia que permita xerar e diseminar coñecemento sobre a interdependencia existente entre o medio ambiente e as actividades humanas, de sorte que a sociedade e quen a goberna comprendan o impacto das súas decisións e as consecuencias a medio e longo prazo.

 

3. Abrir o debate á sociedade

Promover conciencia coa cuestión da sustentabilidade significa promover plataformas e abrir espazos de discusión e adquisición de coñecementos, así como asociacións entre institucións, organizacións non gobernamentais e departamentos universitarios, para afrontar proxectos conxuntos. Ademais, significa fomentar o liderado entre estudantes, asesoramento e guía a gobernantes e administradores, á industria, a comunidade e aos cidadáns, asegurándose de que o coñecemento xerado desde a investigación alcanza ao seu destinatario final, que é o cidadán e as organizacións, e non termina o seu camiño na literatura especializada.

A UDC e os seus institutos de investigación deben proporcionar á sociedade e aos seus gobernantes e administradores públicos acceso a formación e investigación de alta calidade en materia de sustentabilidade.

 

4. Boa gobernanza e desenvolvemento estratéxico sostible

A UDC debe promover unha gobernanza orientada a un desenvolvemento estratéxico baseado en procesos afastados de modelos xerárquicos de funcionamento e promovan a participación social de todos os axentes implicados na adopción de decisións que teñan que ver coa administración e regulamentación pertinentes. Iso require implantar na institución unha cultura da sustentabilidade, establecendo as redes de comunicación oportunas entre centros, departamentos, comisións da propia organización e de fóra da organización.

A UDC non debese facer isto illadamente, senón en colaboración coas outras Universidades da contorna, formando redes que proporcionen a infraestrutura de apoio necesaria e estabilidade a longo prazo dos programas, así como de cooperación entre institucións, centros de ensino non universitario, industrias, pequenas e medianas empresas, cámaras de comercio, organizacións non gobernamentais, sindicatos ou gobernos locais.

O goberno da Universidade non é, por tanto, o único responsable, na promoción da sustentabilidade, senón que o son tamén todas estas institucións e entidades que operan na sociedade a distintos niveis.

 

5. Reducir a nosa pegada ecolóxica

O elevado número de edificios con que conta a Universidade ten un impacto enorme sobre a sustentabilidade do medio ambiente natural, cunha pegada ecolóxica que abarcaría un territorio 50 veces maior que o que actualmente ocupan os seus campus para absorber todas as súas emisións.

Os nosos compromisos:

Os compromisos que nos propoñemos desenvolver no marco desta política integral de sustentabilidade son:

  • Favorecer a incorporación da cultura da sustentabilidade no currículo. Promoverase a constitución dunha comisión de diagnóstico e seguimento da ambientación curricular.
  • Promover a concienciación e a percepción de relevancia por parte dos traballadores e estudantes da UDC. Produciranse materiais que promovan conciencia pública coa relevancia de emprender accións que mitiguen o impacto do cambio climático.
  • Asumir un claro e efectivo compromiso institucional coa xestión

    responsable de enerxía, auga, residuos, papel e transporte. Revisaranse todos os materiais a través dos que se proxecta a UDC, promovendo identidade corporativa e accións responsables co ambiente.

  • Promover a mellora dos accesos peonís e en bicicleta dos distintos campus, realizando as accións oportunas coas Administracións Locais.
  • Desenvolver unha política responsable de compras e de contratación verde, en consonancia coa política da Unión Europea de fomento consumo responsable nas Administracións Públicas (xardinería, limpeza, enerxía, iluminación, papel, etc.).
  • Aprobación dunha estratexia de economía circular de carácter integral.
  • Promover a constitución de redes con outras universidades e a constitución dunha comisión de sustentabilidade que elaborará unha estratexia de sustentabilidade específica para a UDC, e promoverá a súa integración nunha estratexia galega de Universidades pola Sustentabilidade.
  • Crear unha Oficina de Sustentabilidade que, cunha maior dotación de recursos humanos e materiais, xestionará as iniciativas sinaladas, establecendo os diagnósticos, planificando as accións oportunas encamiñadas á redución do impacto da actividade universitaria nas emisións e facilitando os espazos para levar a cabo un comportamento ecoloxicamente máis responsable.

En resumo, o persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos, así como os estudantes da UDC deben actuar conxuntamente, e chegar a entender como o seu traballo está relacionado co futuro da sociedade e co do medio ambiente, tanto local como global, identificando retos, riscos e impactos. Debe, ademais, participar activamente na discusión e a definición das políticas económicas, sociais e tecnolóxicas, para axudar a redirixir a sociedade cara a un desenvolvemento máis sostible.