O profesor de universidade distínguese doutras institucións educativas en que debe levar a cabo simultaneamente un labor docente e un labor investigador, en especial no caso dos profesores en adicación a tempo completo.
Para a realización exitosa de ambas as dúas actividades, os profesores deben poder contar co apoio claro e inequívoco da Universidade, e esta esixirlles a excelencia tanto da súa actividade docente como investigadora.
Así, “docencia de calidade-investigación de calidade” están profundamente vencelladas: os profesores debemos comunicar aos nosos estudantes os coñecementos máis novos e punteiros co fin de dotalos das maiores competencias para o seu desenvolvemento profesional e persoal.
Coñecemento e criterio deben ser os puntais da docencia universitaria e non podemos ―nin debemos― conformarnos con transmitir coñecemento: non esquezamos que os estudantes que empezaron os seus estudos na universidade no presente curso desenvolverán a súa carreira profesional no próximos corenta anos: é obvio que nin tan sequera podemos prever que coñecementos poderán serlles útiles no próximos dez, pero si podemos e debemos dotarlos de espírito crítico e formación en valores. En definitiva, de coñecemento crítico.
Os profesores xogamos un papel crave neste proceso. Pero as tarefas dos profesores non son unicamente a docencia e a investigación; a xestión constitúe tamén unha actividade que pode correspondernos, con distinto grao de implicación, en determinados momentos do noso desenvolvemento profesional. E todas estas actividades deben ter un xusto recoñecemento ao contabilizar a adicación profesional e laboral do profesorado.
Neste sentido, un dos puntos clave que debe abordar a nosa universidade e que nos propoñemos acometer é unha política integral do profesorado propia e independente, isto é, axustada ás características propias da nosa universidade e que non vaia detrás dos acontecementos, que transcenda aos cambios dos equipos de goberno e que non responda a criterios arbitrarios e volubles.
Os retos aos que debemos enfrontarnos e que constituirán o noso foco de atención no relativo á política de profesorado son:
- As condicións en que se imparte a docencia en especial tras a posta en marcha das novas titulacións. Así, os profesores dunha determinada área non valen para impartir docencia doutra: os profesores de universidade non son como os profesores dos colexios de outrora que tan pronto ensinaban gramática como xeometría. A especificidade das materias fai imprescindible profesorado especializado, ben formado nos últimos coñecementos e no uso das tecnoloxías máis avanzadas. E neste ámbito é esencial seguir garantindo a liberdade de cátedra do profesorado e que a formación universitaria non sexa un marco absolutamente ríxido.
- A substitución xeracional que se vai producir nos próximos anos é tamén un motivo de reflexión: a universidade ten que quedar cos bos profesores independentemente da súa idade, incorporando aos mozos máis valiosos das promocións máis recentes, pero tamén retendo aos mellores profesores que, pola súa longa traxectoria e experiencia, acheguen as mellores cotas de calidade docente e investigadora á nosa universidade.
Os nosos compromisos e propostas:
Os compromisos e as propostas que nos propoñemos desenvolver no marco desta política integral de profesorado son:
- Dar resposta ás necesidades docentes reais das titulacións da UDC e avanzar nas políticas de estabilización e promoción do profesorado, mantendo a premisa de promocionar e atraer profesorado de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade.
- Impulsar unha política de distribución equitativa e de equilibrio dos recursos docentes entre os centros e titulacións.
- Estimular a capacidade docente e investigadora do profesorado.
- Revisar e flexibilizar a normativa de contratación do profesorado.
- Reducir a carga lectiva do profesorado mediante o establecemento dun “plan de recoñecemento das actividades do profesorado” no que se integren e valoren todas as súas actividades académicas: docentes, investigadoras, de transferencia de coñecemento e de tecnoloxía, de xestión universitaria tanto académica como de xestión da investigación, e de actividades realizadas na Universidade Senior, como elemento esencial de nexo coa sociedade.
- Fomentar e facilitar a mobilidade internacional, tanto con finalidade docente como investigadora.
- Recoñecer e dignificar a figura do profesorado asociado, e estimular a implicación na docencia universitaria de persoas de recoñecido prestixio profesional.
- Revisar e mellorar a política de sabáticos.
- Fortalecer as políticas que permitan a conciliación da vida laboral, persoal e familiar.
- Estimular e apoiar a participación do profesorado na xestión universitaria, tanto académica como da investigación;
- Articular unha renovación do noso persoal e unha substitución xeracional que incorpore os mellores talentos das novas promociones pero que, á vez, permita á nosa universidade conservar os nosos mellores activos máis aló das xubilacións, o que conleva revisar e mellorar a política relativa ao profesorado emérito e honorario;
- Fomentar a captación de talento internacional a través de programas de excelencia e a súa consolidación como parte do persoal de profesorado.
- Manter os vínculos da Universidade co profesorado xubilado, que na actualidade perde toda relación coa Institución á que dedicou boa parte da súa vida.
Todo o anterior debemos enmarcalo, é claro, na actual situación social e económica do noso país. E aínda que o contexto económico e orzamentario sexa complexo, non por iso debemos deixar de afrontar os problemas e buscar fórmulas imaxinativas para resolvelos. Estas fórmulas virán do traballo, do diálogo e do consenso con todos os membros que formamos a comunidade universitaria.
- Así mesmo, debemos avanzar cara a un profesorado altamente cualificado, motivado, que saiba transmitir os mellores e máis novos coñecementos a uns estudantes motivados e con ganas de aprender. A motivación debe ser a pedra angular das titulacións da UDC.
- Os procesos de acreditación para as diferentes figuras de profesorado e os procesos de acceso aos corpos docentes universitarios fixeron máis lenta a consolidación laboral dos profesores en prazas estables, aumentando a precariedade e incerteza que pesa sobre o profesorado. Esta lentitude na estabilidade tamén provoca que bos profesores “en potencia” abandonen antes unha prometedora carreira universitaria. Á súa vez, os procesos de acreditación someten ao profesorado, e en especial aos máis novos, á consecución, coma se fose unha carreira de obstáculos, dunha serie de méritos, en moitos casos afastados da súa normal actividade docente e investigadora.
- A lóxica e sa ambición de promoción na carreira profesional do profesor universitario debe ser alentada pola universidade. Iso permitirá consolidar un cadro de persoal coa maior cualificación profesional e nivel salarial posible. Neste sentido, a UDC debe tomar parte activa co estímulo das políticas de promoción do profesorado.
- A complexa actividade académica dos profesores, que suma docencia, investigación, transferencia de coñecemento, transferencia de tecnoloxía e xestión universitaria con diferentes graos de dedicación, dá lugar a perfís e traxectorias profesionais claramente diferenciadas. Así mesmo, non hai que esquecer a cada vez máis absorbente carga de traballo relacionada coa xestión que tamén recae sobre o profesorado que lidera proxectos e contratos de investigación.