A investigación debe ser unha prioridade fundamental dentro da estratexia da UDC, tanto para a abordaxe dos retos nacionais e europeos, como para a abordaxe de desafíos globais. A crecente complexidade do panorama da investigación, a política de investigación, os programas e o financiamento e, en particular, a investigación no seo da Unión Europea, xustifica suficientemente a adopción dunha política que preste máis atención á investigación colaborativa e ás súas estratexias de deseño de proxectos e boas prácticas.
A UDC ten un número alto de grupos de investigación, algúns deles de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, que en conxunto teñen un gran potencial investigador e unha demostrada capacidade para o desenvolvemento de investigación de calidade. A pesar disto, nos últimos anos pódese constatar unha diminución importante do peso específico da nosa universidade no SUG (aumentando as distancias coas outras dúas universidades galegas en captación de recursos en proxectos, contratos e bolsas) e, ademais, a nosa posición nas clasificacións de investigación e produción científica de calidade é manifestamente mellorable.
Todo isto pon de manifesto a imperiosa necesidade de revisar a fondo a política de I+D da UDC para que chegue a proporcionar unha infraestrutura de apoio que dea un verdadeiro soporte aos seus investigadores, que fomente e incentive as actividades de I+D, que mellore a captación de recursos públicos e privados e que outorgue visibilidade ao traballo realizado.
A política de I+D da UDC debe favorecer á consolidación dun crecemento sostido a longo prazo que contribúa ao desenvolvemento económico en xeral, e o da nosa contorna en particular.
O noso obxectivo
Incrementar a actividade investigadora de calidade, mellorando tanto os seus resultados como o posicionamento dos nosos grupos e investigadores, aumentando a visibilidade do seu traballo e potenciando a transferencia de coñecemento ao sector produtivo e á sociedade.
A nosa estratexia
Definición clara dunha política de investigación da UDC, establecendo obxectivos, prioridades e ámbitos de actuación e creando unha folla de roteiro cara aos mesmos.
As nosas propostas
- Reordenación de funcións na xestión de I+D.
- Redución da sobrecarga burocrática e axilización de procedementos.
- Introdución de novos servizos e mellora da existentes
- Potenciación da transferencia de coñecemento.
Desenvolvemento das nosas propostas e compromisos:
1. Reordenación de funcións na xestión de I+D
Pretendemos reordenar as funcións dos distintos actores implicados na xestión de I+D na UDC para ofrecer ao usuario dos servizos un sistema de “portelo único” eficaz que permita axilizar as interaccións entre o investigador e a administración. Este tema implica a reorganización interna de toda a infraestrutura de investigación, de forma que se axuste a uns parámetros de calidade, eficiencia e servizo que redunden na mellora dos mesmos e na simplificación e redución das tarefas administrativas e de xestión. Este punto traducirase nun mellor servizo ao PDI e nunha mellora na organización das tarefas do PTGAS.
Os nosos compromisos:
- Analizar, redistribuír e coordinar as funcións dos Centros Tecnolóxicos de Investigación, a OTRI, a FUAC, o Servizo de Investigación e os demais actores implicados na xestión de I+D na UDC para optimizar os recursos humanos dispoñibles, evitar a duplicación de funcións, aumentar a eficacia e axilizar os trámites administrativos.
- Creación dentro da oficina de investigación dun posto de ligazón con fundacións e outros centros asociados á universidade, de xeito que a tramitación dos diferentes proxectos e convocatorias se leve a cabo a través da entidade que sexa máis conveniente para a mellor execución do proxecto.
- Estudo dos convenios coas diferentes fundacións ou centros asociados á universidade, de acordo cos criterios europeos, nacionais e autonómicos, e a súa modificación, se semella necesaria, de forma que non existan posibilidades de invalidación de proxectos por xestión inadecuada dos mesmos.
2. Redución da sobrecarga burocrática e axilización de procedementos
Unha das queixas máis estendidas entre os investigadores é a excesiva burocratización inherente neste momento á xestión dos proxectos, en parte orixinada en nosa propia institución.
Os nosos compromisos:
- Establecer procedementos áxiles para os diferentes trámites burocráticos que leva consigo a xestión dos proxectos de investigación, e proporcionar un apoio efectivo aos investigadores responsables dos proxectos con máis medios humanos dedicados á xestión.
- Axilizar a contratación de persoal contratado con cargo a proxectos, tanto en tempo como no predicible do gasto.
- Axustar os prazos de forma que se poidan realizar gastos ata o final do ano e que estea incorporado o orzamento de forma efectiva nos primeiros días do ano seguinte.
- Facilitar a xestión dos proxectos de investigación introducindo novas ferramentas, como podería ser o uso de tarxetas de crédito para os proxectos e a xestión informática da investigación.
- Capacitar a persoal de administración e servizos en xeral, para a prestación dun apoio profesional adecuado á xestión da investigación, mellorando as súas habilidades e promovendo eventos e xornadas que os sitúen en contextos motivadores e eficientes, debidamente incentivados, que permitan desenvolver e mellorar o coñecemento e adquirir a experiencia adecuada.
3. Introdución de novos servizos e mellora dos existentes
Deben introducirse novos servizos e melloras nos existentes que axuden aos investigadores e aos grupos para conseguir máis proxectos e contratos, para mellorar a súa visibilidade e os seus resultados, así como cara á difusión e transferencia dos mesmos.
Os nosos compromisos:
- Valorar e visualizar o traballo e o esforzo dos investigadores mediante o desenvolvemento dun procedemento máis áxil e versátil para o rexistro da Produción Científica dos grupos e dos investigadores.
- Proporcionar soporte aos investigadores da UDC a través da creación dun servizo de tradución/revisión de idioma ou mediante o establecemento de convenios que proporcionen este servizo con calidade, celeridade e a un custo razoable.
- Proporcionar un foro de información e asesoramento permanente sobre programas, iniciativas e prácticas que sirvan de apoio aos investigadores e investigadoras da UDC por medio dun intercambio de ideas e experiencias exitosas e en desenvolvemento.
- Facilitar, a través do apoio a investigadores e grupos de investigación, ferramentas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento de obxectivos de investigación a través dos recursos e as accións que supoñan implicación efectiva na xestión e colaboración coa investigación.
- Apoiar aos Grupos de Investigación e investigadores individuais para dar forma á política de investigación mediante o desenvolvemento de documentos de posición para a Política Europea de Investigación, por medio dunha maior interacción con redes de investigación e partes interesadas nacionais ou internacionais.
- Crear sinerxias con Grupos doutras universidades autonómicas ou nacionais, para garantir mellor a contribución da UDC ao cumprimento de políticas asociadas a retos globais.
- Establecer políticas activas de investigación na UDC que permitan o recoñecemento e o apoio aos grupos de investigación de excelencia, así como o asesoramento personalizado a aqueles grupos ou persoas que perdesen capacidade de captación de fondos, ou que estean en áreas de coñecemento con pouca tradición en captación de fondos competitivos. Así mesmo, deben favorecerse grupos emerxentes en áreas e liñas de investigación que non estean aínda presentes na UDC, ben a través de grupos novos ou ben mediante a estimulación activa de agrupacións estratéxicas de grupos xa existentes.
- Mellorar a captación de recursos económicos a nivel autonómico, nacional e europeo, de forma que os investigadores poidan ser asesorados e apoiados de forma efectiva nas actividades de redacción, entrega e posterior seguimento das súas propostas de investigación.
- Impulsar a investigación conxunta co Hospital Universitario da Coruña e os Institutos de investigación relacionados e, en xeral, cos hospitais universitarios galegos.
- Desenvolver un plan de reinserción nas tarefas da investigación das persoas que por enfermidade, maternidade, dedicación ás tarefas de xestión académica ou outro motivo interrompesen a súa investigación.
- Promover a formación e participación de expertos en reunións temáticas clave para a nosa universidade, o que debe constituír un eixo de actuación básico para orientar a investigadores non só na papelada e a burocracia complexa que supón participar nas convocatorias europeas, senón que tamén deberá abarcar a revisión de propostas con principios orientadores de calidade, eficiencia na xestión e perspectivas de éxito.
4. Potenciación da transferencia de coñecemento
É preciso potenciar a transferencia de coñecemento e as relacións de I+D con empresas, organismos e institucións, tanto a través do establecemento de alianzas ou asociacións como da realización de convenios e contratos específicos.
Os nosos compromisos:
- Potenciar relacións de investigación con empresas e con centros tecnolóxicos, en especial con centros de referencia situados en Galicia, que nos permitan levar a cabo agrupacións estratéxicas de investigación.
- Fomentar os convenios e contratos de I+D e de prestación de servizos, tanto con entidades públicas como privadas, non só nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, onde xa veñen sendo habituais, senón tamén nos das ciencias sociais e humanidades. A percepción destas actividades como un mero medio de captación de recursos debe ser superada para pasar a consideralas e estruturalas como unha ferramenta eficaz de transferencia de coñecemento.
- Crear un observatorio para o estudo da demanda de coñecemento de empresas, institucións etc., que permita ter en conta o coñecemento derivado para estipular as liñas de potenciación necesarias na UDC.
- Potenciar o Servizo de Publicacións, que debe constituírse nunha ferramenta que permita por unha banda a transferencia de coñecemento á sociedade, máis aló do ámbito académico, e pola outra, un servizo de calidade que permita situar márca UDC como de calidade.
- Promover as actividades de «spin-off» e as empresas de base tecnolóxica.
- Promover a participación dos investigadores da UDC en contratos de investigación con empresas.
- Establecer un regulamento de adicación do profesorado involucrado nas iniciativas antes sinaladas, que se engada ao xa existente, para que outras actividades de investigación repercutan na carga docente das diferentes figuras do profesorado.
- Impulsar o rexistro de software e de patentes dos grupos de investigación, mellorando a xestión, ofrecendo a asistencia técnica ao longo do proceso, facilitando a prospectiva e garantindo as mellores condicións de explotación.
Finalmente, compre apuntar que a internacionalización é un dos eixos deste programa e ten unha especial relevancia no caso da investigación, polo que se resaltan aquí algúns dos seus aspectos específicos:
- Favorecer a internacionalización dos grupos de investigación, ademais de apoiar iniciativas para a participación ou o liderado en proxectos internacionais.
- Crear a figura do profesor visitante distinguido, que soporte estancias de investigadores de relevancia internacional (por exemplo, a través de acordos con empresas), e apoiar economicamente as estancias de investigadores da UDC en centros estranxeiros.
- Impulsar a visibilidade de todos os grupos de investigación da UDC a través das diferentes canles e plataformas de comunicación actuáis.