Os estudantes son a alma da Universidade: sen a súa existencia e coparticipación a institución universitaria non sería factible. Por iso, o seu tránsito pola UDC debe converterse nunha experiencia positiva, aderezada cun bo nivel de responsabilidade e compromiso persoal; para conseguilo debemos dirixir todos os nosos esforzos a crear unha universidade pública de excelencia, potenciando as capacidades dos nosos estudantes, escoitando atentamente as súas propostas e necesidades, e garantindo o seu acceso á información e á participación activa e democrática no funcionamento, o goberno e a proxección exterior da UDC.
A Constitución española de 1978 establece o carácter inclusivo da educación como dereito de prestación específico e servizo esencial da comunidade, que se desenvolverá en condicións de igualdade de oportunidades, accesible a todos sen distincións de clase, e adaptado progresivamente aos cambios sociais; son principios que, como grupo, defendemos no marco do noso proxecto de universidade pública, aberta e plural.
A LOSU adica, integramente, o seu Título VIII a cuestións imbricadas cos dereitos, reivindicacións e inquedanzas dos e as estudantes, cuxa participación na vida universitaria e os órganos de goberno da Universidade debe reforzarse notablemente nesta etapa, marcada pola aplicación dun novo marco normativo.
Os nosos obxectivos:
No marco dun programa solvente, dinámico e madurecido en positivo, os nosos obxectivos diríxense á excelencia no trato ao estudante, o firme compromiso cunha formación integral que facilite o seu desenvolvemento persoal e profesional, a clareza e calidade na información que lles transmitimos e a eficacia nas xestións burocráticas.
As nosas propostas:
- Creación de residencias universitarias públicas e impulso á vida universitaria.
- Creación dun Consello de Estudantes. Aumentar a participación activa dos estudantes na UDC.
- Creación da Casa do Estudante e Welcome Center.
- Revitalizar a política de captación de estudantes.
- Reforzar a mobilidade nacional e internacional de estudantes.
- Achegar información e apoio ao estudante no desenvolvemento da súa formación integral.
- Inserción laboral e prácticas externas.
- Actividades de extensión universitaria e formación complementaria. Actualizar a oferta do lifelong learning program. Conciliar a aprendizaxe coa vida laboral.
- Actividades deportivas, culturais e solidarias. Poñer en marcha mecanismos de conciliación para estudantes que practican un deporte a nivel de competición reglada.
- Mellora dos sistemas de comunicación có alumnado.
- Potenciar a marca UDC e o sentimento de pertenza á institución.
Desenvolvemento das nosas propostas e compromisos:
- Creación de Residencias Universitarias Públicas
Sen dúbida, unha residencia universitaria é moito máis que un lugar onde os estudantes poden aloxarse e comer abonando un importe alcanzable. Tamén é un espazo de convivencia, de interacción social, de comunicación e intercambio de ideas, de cultura e de reflexión, e a orixe de redes de amizade e colaboración que perdurarán toda unha vida.
O noso compromiso circunscríbese á creación de novas residencias ou, na súa falta, a un notable incremento das prazas de aloxamento universitario público, explorando as posibilidades de adaptación de edificios próximos ou de nova construción que se poidan integrar nos Campus de Coruña e Ferrol.
Nun momento crítico, polo que respecta ao dereito de acceso a unha vivenda, os estudantes vense inmersos en serias dificultades para atopar aloxamento. As residencias públicas (Residencia Universitaria Ferrol e Residencia Universitaria da Coruña “Elvira Bao”, con 25 prazas e 118 prazas, respectivamente) non resolven, en absoluto, o grave problema de aloxamento dunha institución pública con 17.177 estudantes -curso académico 2022/2023- e moito máis de 500 visitantes anuais.
- Creación dun Consello de Estudantes. Aumentar a participación activa dos estudantes na UDC.
A Constitución española configura un modelo de sistema educativo baseado na participación, no que a figura do estudante aparece como suxeito activo principal do seu proceso de formación. Coa aprobación do Estatuto do Estudante (Real Decreto 1791/2010, do 30 de decembro) a participación dos estudantes adquiriu nivel de piar basilar da política universitaria xeral.
Así, diante da necesidade de aumentar a implicación dos estudantes na vida universitaria, créase o Consello Nacional de Estudantes, un órgano de deliberación, consulta e participación que conta coa presenza de estudantes de todas as universidades españolas públicas e privadas, establecendo unha canle directa de representación semellante ao que teñen os Reitores e as Comunidades Autónomas ao través do Consello de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria.
Aínda que constitúe unha proposta que sempre defendimos, a aprobación da LOSU permítenos proceder a crear un Consello de Estudantes que empodere ao alumnado e consiga a súa participación efectiva na vida da Universidade e o deseño de políticas universitarias que contribúan á mellora da institución e os membros que a integran.
É de perentoria necesidade asegurar unha representación significativa, activa e participativa dos estudantes nos órganos de goberno e representación da Universidade, así como nos procesos para a súa elección e, en particular, para a constitución do Consello de Estudantes da Universidade da Coruña; este debe converterse no seu órgano colexiado superior de representación e coordinación e os seus membros deberán ser elixidos entre estudantes dos distintos centros co propósito de defender os intereses do estudantado, velar polo cumprimento e respecto dos seus dereitos e deberes, así como fomentar o asociacionismo e a participación dos estudantes na vida universitaria, entre outras.
- Revitalizar a vida nos Campus tras a pandemia. Creación da Casa do Estudante e Welcome Center
Promover a participación dos estudantes en actividades de representación e asociacionismo e creación da Casa do Estudante e Welcome Center que, sen dúbida, favorecerán a cultura de pertenza á UDC e converteranse nun lugar de reunión e localización centralizada dos servizos de apoio, acollida e instalación dos estudantes nacionais e estranxeiros.
A Casa do Estudante e Centro de Acollida Welcome Center, que acollerá diversas unidades administrativas, estará especialmente destinado á recepción do alumnado entrante.
Estará integrado por:
- Unha Oficina de Información Xeral e Asistencia ao Aloxamento
- Unha Oficina de Apoio á Mobilidade
- Unha Unidade de Asistencia Médica e Psicolóxica
- Unha Unidade de Igualdade e Diversidade
- Unha Oficina de Atención e Orientación Laboral
- Espazos de traballo e lecer autoxestionados polos estudantes.
- Revitalizar a política de captación de estudantes
Na actualidade, as institucións universitarias enfróntanse a un notable incremento da competitividade entre centros, extremo que esixe redobrar, notablemente, as medidas de captación de alumnado, especialmente nunha Universidade pública como a UDC.
Os nosos compromisos son:
- Captación dos mellores estudantes: matrícula gratis e outros incentivos para os expedientes máis destacados.
- Despregar a UDC ao exterior e artellar unha correcta política de márketing que permita transmitir á sociedade, no seu conxunto, os logros dos seus docentes e investigadores como mecanismo para prestixiar a institución e captar novos estudantes.
- Deseñar unha correcta estratexia promocional para captar estudantes e aumentar a presenza da UDC en feiras internacionais e iberoamericanas.
- Revitalizar e dotar de eficacia aos convenios e programas de intercambio de estudantes co propósito de favorecer transferencias internacionais regulares e eficaces no marco de programas revisados e serios.
- Optimizar os procesos de admisión de estudantes estranxeiros en máster e doutoramento.
- Captación centralizada de alumnos/as estranxeiros/as, especialmente para estudos de máster e doutoramento.
- Incrementar a oferta de paquetes de materias en inglés nos distintos centros.
- Organizar cursos de verán para estudantes estranxeiros, sumando ás actividades lingüísticas outras complementarias de carácter deportivo e cultural.
- Mellora das actividades da Semana Internacional na UDC para promocionar os estudos de posgrao e intercambios nacionais e internacionais.
- Reforzar a mobilidade nacional e internacional dos estudantes
A ninguén se lle ocultan os beneficios e potencialidades dun intercambio nacional ou internacional correctamente articulado, que implica abrirse a novas realidades e coñecementos, nun proceso de enriquecemento mutuo que involucra ao estudante e á contorna da institución académica na que se encadra.
Estamos diante dunha enriquecedora experiencia que permite crecer intelectual e persoalmente, ampliar as perspectivas de formación e as posibilidades de inserción laboral, asegurando ao estudante unha máis sólida proxección de futuro.
Non debemos centrar os nosos obxectivos soamente nos intercambios SICUE e ERASMUS, que seguiremos potenciando, senón que os nosos compromisos deben centrarse tamén en:
- Reformular e redefinir os programas de intercambio para tender á reciprocidade e para conseguir que tanto os nosos estudantes como os provenientes do estranxeiro participen en intercambios rigorosos nos que se respecten as formalidades académicas.
- Establecer, desenvolver e consolidar unha Rede de Mobilidade Internacional que teña como finalidade promover os intercambios de calidade, tendo como orixe ou destino a UDC, a través da sinatura de convenios bilaterais, especialmente con universidades estadounidenses e latinoamericanas; e maximizando a participación da UDC en programas de mobilidade a nivel global, en colaboración co Vicerreitorado de Relacións Internacionais.
- Fortalecer os cursos de idiomas no Centro de Linguas co propósito de fomentar a mobilidade estudantil e mellorar os resultados da mesma.
- Revisar a normativa dos programas de mobilidade de estudantes ERASMUS e SICUE para simplificala naqueles aspectos que poidan supoñer problemas interpretativos.
- Incrementar a dotación da Bolsa Erasmus.
- Favorecer o diálogo e a coordinación entre os profesores e titores responsables de programas internacionais nos centros, con vistas á flexibilización de trámites administrativos e evitar duplicidades.
- Crear a figura da mentoría para estudantes de intercambio e dar recoñecemento académico ás súas actividades.
- Recepción e desenvolvemento de visitas guiadas, actividades extraescolares e turismo interior que favorezan a integración de estudantes estranxeiros.
- Reformular e mellorar a páxina web de mobilidade para estudantes nacionais ou estranxeiros para que poidan obter a información precisa e atopala con maior facilidade para os efectos de formalizar o seu intercambio.
- Información e apoio ao estudante no desenvolvemento da súa formación integral
Os nosos compromisos son:
- Desenvolver todas as medidas oportunas para evitar a desinformación do estudante e a duplicidade de trámites na administración.
- Desenvolver unha ampla bolsa de vivenda (recepción de ofertas e demandas) fiscalizada pola UDC.
- Proporcionar información xeral, orientación, seguimento e apoio diante das consultas, preocupacións ou necesidades dos nosos estudantes.
- Creación da Oficina de Información Xeral ao Estudante e Asistencia ao Aloxamento con sede na Casa do Estudante.
- Incrementar e axilizar os procedementos de trámites burocráticos por internet.
- Bolsas complementarias.
- Achegar información previa á apertura do prazo de matrícula dos contidos, metodoloxía e sistemas de avaliación por materias.
- Incrementar as canles de diálogo e comunicación cos estudantes, en xeral, e coas asociacións que os representan. As asociacións de antigos alumnos/as deben colaborar activamente no apoio aos actuais estudantes, á incorporación laboral dos titulados, na captación de novos alumnos/as e na realización de actividades culturais ou de interese social que promocionen a imaxe da universidade.
- Inserción laboral e prácticas externas
Os nosos compromisos son:
- Creación da Oficina de Orientación Laboral e Prácticas Externas con sede na Casa do Estudante.
- Orientar profesionalmente aos estudantes.
- Incrementar e ampliar as relacións con institucións públicas, empresas, sindicatos, asociacións e entidades non gobernamentais, co propósito de establecer un sistema eficiente de xestión e tutela das prácticas externas tanto curriculares como extracurriculares.
- Programas de contratos en prácticas con empresas que inclúan módulos de formación.
- Creación de gabinetes, laboratorios e clínicas no seo da UDC, abertas á comunidade universitaria e ao público en xeral, que faciliten as prácticas dos alumnos/as da nosa universidade.
- Implementar programas de formación continua con criterios de calidade e sistemas de admisión flexibles que inclúan o recoñecemento da formación ou actividade laboral previa.
- Redactar un Plan sobre medidas de promoción da cultura emprendedora e información sobre o autoemprego
- Actividades de extensión universitaria e formación complementaria. Actualizar a oferta do lifelong learning program. Conciliar a aprendizaxe coa vida laboral.
Os nosos compromisos son:
- Incrementar a presenza e visibilidade da UDC na sociedade.
- Ampliar e flexibilizar a oferta formativa complementaria, destinada a facilitar o acceso dos estudantes aos coñecementos e capacidades requiridas para seguir con éxito os seus estudos (cursos de idiomas, cursos de informática, cursos de técnicas de estudo, cursos de xestión do estrés, cursos de expresión oral e escrita).
- Establecer un programa sólido e estable de Cursos de Verán que trasladen unha imaxe de calidade da nosa Universidade.
- Promover Seminarios, Xornadas, charlas e outras actividades para a comunidade universitaria e o público en xeral.
- Organizar Cursos de español, galego e deporte para estudantes estranxeiros, unindo á formación lingüística, cultura e actividades deportivas.
- Bolsas de inscrición, aloxamento ou manutención aos estudantes que se matriculen nos Cursos de Verán da UDC.
- Traballar para a articulación de actividades de inmersión lingüística en inglés (“English Town”) para estudantes da UDC e a comunidade universitaria en xeral (docentes e PTGAS).
- Ofrecer cursos mellorados de idiomas para estudantes e profesores.
- Potenciar o Centro de Linguas da UDC para que responda á necesidade real no coñecemento das linguas estranxeiras da comunidade universitaria.
- Promover a avaliación externa dos coñecementos de alumnos do Centro de Linguas para a obtención de certificados con validez oficial a nivel nacional ou internacional.
- Potenciar aqueles Centros da UDC que, polas súas particulares características (como o INEF), poidan funcionar como motor de atracción de estudantes estranxeiros.
- Actividades universitarias, deportivas, culturais e solidarias
Os nosos compromisos son:
- Impulsar a actividade da Oficina de Cooperación Internacional e Voluntariado.
- Acreditar formalmente aos voluntarios e cooperantes.
- Expedir certificados que acrediten os servizos ou prácticas prestadas en actividades de intervención social e voluntariado ou APS.
- Crear instalacións deportivas para os estudantes do Campus de Ferrol.
- Outorgar recoñecemento académico á participación en actividades universitarias solidarias de intervención social e de cooperación.
- Potenciar titulacións (por exemplo, Comunicación Audiovisual) para a revitalización de actividades culturais no seo da UDC (UDC Tv, Radio CUAC, redes sociais, etc.).
- Impulsar actividades culturais e deportivas como compoñentes da formación integral do estudante.
- Posta en valor de espazos desaproveitados na UDC. • Desenvolvemento de redes e actividades interuniversitarias.
- Servizos básicos ao estudante.
Os nosos compromisos son:
- Suprimir as barreiras arquitectónicas en todos os edificios da UDC para estudantes con problemas de mobilidade.
- Mediar e propoñer melloras para ofrecer servizos básicos de calidade (transporte público, cafeterías, reprografía, escola infantil, etc.).
- Fomentar o emprego dun transporte público de calidade no marco do respecto e coidado do medioambiente (campus sostible). Para favorecelo procurarase unha mellora e ampliación substancial das liñas existentes, prestando especial atención aos campus que presentan un maior déficit (Oza, INEF…).
- Negociar para mellorar as conexións e frecuencias do transporte. Establecer vías de diálogo efectivas cos Concellos da área metropolitana da Coruña para mellorar o transporte cara aos Campus universitarios. Lograr que se incrementen as frecuencias e itinerarios de transporte.
- Mellorar o servizo de transporte entre A Coruña e Ferrol.
- Revisar os contratos e pregos técnicos das cafeterías e comedores para homoxeneizar a relación calidade-prezo e ofertar menús vegetarianos e/ou saudables.
- Incrementar os fondos das bibliotecas, especialmente aqueles máis demandados polo alumnado.
- Ampliar e adaptar o horario de todas as bibliotecas da UDC ás necesidades académicas dos estudantes en períodos de exames ou non lectivos.
- Creación e ampliación de aulas de estudo e aulas de traballo en grupo.
- Apertura das aulas net en horario lectivo.
- Mellorar a cobertura WI-FI.
- Desenvolver UDC_go, unha aplicación para estudantes da UDC que che dá acceso ao teu horario, correo electrónico, a biblioteca, Moodle, askUDC etc.
- UDC TEUS. Base de datos de exalumnos. Alma Mater.
- Creación de plataformas de medios/redes/streaming para estudantes.