Un programa electoral, como o que se presenta neste documento, non é máis que a exposición pormenorizada e razoada dun proxecto, así como dos recursos necesarios e dos procedementos previstos para a súa realización material.
Un bo programa electoral —e este pretende selo— debe ser equilibrado, asisado, completo e realista: equilibrado, en beneficio da institución cuxa prosperidade se desexa preservar e da súa viabilidade futura; asisado, en favor tanto dos administradores como dos administrados; completo, co fin de facer fronte aos imprevistos que se poidan producir; e realista, para que o proxectado poida finalmente levar a cabo en condicións normais.
O noso programa pretende ser, ademais, ambicioso e ilusionante: ambicioso, porque o requeren os tempos que vivimos e os retos que afrontamos; e ilusionante, porque o desexo de alcanzar a utopía é o motor máis potente e eficaz da raza humana.
A capacidade de previr as circunstancias e de prever os resultados das nosas accións é o que distingue aos adultos dos nenos. E tamén —coa conxunción necesaria do sentido común— é o que distingue aos bos dos malos xestores. Pero é imposible, por definición, enumerar todos os imprevistos co fin de non asumir ningún risco. E pretender o contrario non conduce senón á inoperancia e á frustración.
Somos conscientes diso e por ese motivo non plasmamos neste documento todos os detalles: nalgúns casos por prudencia e na procura dunha maior flexibilidade, noutros porque —sinxelamente— non é posible.
Confiamos en que a comunidade universitaria valore positivamente as nosas propostas e nos conceda a súa confianza para desenvolver este proxecto, que queremos ilusione a toda a comunidade universitaria, durante o próximos seis anos. Se é así, definiremos paulatinamente as inconcreciones, corrixiremos os posibles erros de formulación e faremos fronte aos imponderables que se produzan, todo iso co noso mellor criterio e dentro da marxe de actuación que nos permitan as circunstancias do momento e a fidelidade aos nosos principios, pero sempre con espírito de integración e apelando á colaboración de todos.
A pluralidade ideolóxica (tanto desde un punto de vista político como puramente universitario) e a nosa vontade de integración son os trazos esenciais, definitorios e diferenciadores, desta candidatura.
Por iso, no caso de ser elixido e necesariamente -por tanto- despois das eleccións, contemplo incorporar ao equipo de goberno a outras persoas valiosas que non me teñan apoiado necesariamente. Pretendo, deste xeito, incrementar aínda máis a pluralidade do conxunto.
Propóñome, doutra banda, facer un uso discrecional -aínda que sempre comedido- da figura de “Comisionado”. É esta unha figura útil, flexible e pouco custosa desde un punto de vista orzamentario, que foi ensaiada con éxito en varias universidades españolas.
Un Comisionado é —en esencia— un vicerreitor “sen carteira”, ao que se encarga o seguimento ou a coordinación dun asunto específico ou transversal e que participa nas deliberacións do equipo de goberno, pero que non encabeza ningunha vicerreitoría.
Permite, por tanto, incorporar ao equipo de goberno a persoas valiosas cuxa situación persoal, familiar ou profesional non lles permita asumir o nivel de adicación que esixe un vicerreitorado. E, ademais, facilita que estean representados no equipo de goberno un número maior de centros e titulacións diferentes.
As posibles comisións que se contemplan inicialmetne detállanse nun apartado posterior. Tendo en conta o exposto anteriormente, estudamos os posibles escenarios e deseñamos un equipo de goberno competente e próximo, mais tamén plural e integrador e equilibrado na medida do posible. Procuramos, tamén, que o número de vicerreitorados sexa menor que o actual.
Os nosos actuais estatutos obrigan a que un membro do equipo de goberno desenvolva as funcións de coordinación do Campus de Ferrol. Aínda que hai outras solucións, manterase unha Vicerreitoría con esta denominación. En calquera caso, na configuración final do equipo reitoral, incluíndo aos comisionados, procuraremos que haxa polo menos dúas persoas con destino neste Campus. Esíxeo a importancia dos nosos centros nesta cidade e o seu peso relativo no conxunto da nosa Universidade, tanto no que respecta ao número de profesores (PDI), persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTGAS) e estudantes como ao número de titulacións que se imparten. Comprométome, ademais, a potenciar a nosa presenza institucional nesta cidade e ben pode servir como mostra da nosa decidida vontade a promesa de celebrar en Ferrol unha parte das reunións do Consello de Goberno.
O Campus de Oza é un grande esquecido. Non se realiza alí ningún investimento desde hai moitos anos. Hai moi pouco espazo e o mantemento das instalacións é deficiente. Aquel Campus, rodeado de complexos hospitalarios do máis alto nivel e con recoñecemento internacional, ten que ser coidado e potenciado. E as súas titulacións, algunhas das cales foron recoñecidas cunha posición elevadísima nos rankings, merecen a maior atención e o máximo apoio.
Finalmente cremos que o INEF, é dicir a Facultade de Ciencias do Deporte no Campus de Oleiros, debe xogar un papel central nalgunhas das nosas políticas. O INEF non só é un centro singular co que non contan máis que algunhas universidades, senón que alberga unhas instalacións magníficas para a práctica do deporte e atópase nun enclave excepcional. É inadmisible que non se potencie nin se exhiba como un atractivo para atraer estudantes.
Desde que presentei a miña candidatura estiven traballando para configurar o que espero será o próximo equipo reitoral da nosa Universidade, cuxa composición é a seguinte:
Reitor:
Fermín Luis Navarrina Martínez
Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos (UPM, 1983)
Doutor Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos (UPC, 1987)
Catedrático de Universidade
Universidade da Coruña
Vicerrectora Primeira e de Investigación e Transferencia:
Soledad Norberta Muniategui Lorenzo
Licenciada en Farmacia (1985, USC)
Doutora en Farmacia (1989, USC)
Catedrática de Universidade
Facultade de Ciencias
Vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica:
Ignasi Colominas Ezponda
Enxeñeiro Químico (IQS, 1990)
Enxeñeiro Industrial (UAB, 1991)
Mestrado en Métodos Numéricos (UPC, 1991)
Doutor Enxeñeiro Industrial (UDC, 1995)
Catedrático de Universidade
Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Caminos, Canais e Portos
Vicerrectora de Titulacions e Innovación Docente:
María Pilar Couto Cantero
Licenciada en Filoloxía Inglesa (1992, USC)
Licenciada en Filoloxía Española (1998, UDC)
Doutora en Filoloxía Hispánica (2001, USC)
Profesora Titular de Universidade
Facultade de Ciencias de la Educación
Vicerrectora de Planificación Económica:
María Carlota Rey Graña
Licenciada en Ciencias Económicas (1986, USC)
Doutora en Ciencias Económicas (1992, UDC)
Profesora Titular de Universidade
Facultade de Economía e Empresa
Vicerrector de Relaciones Internacionales:
Jorge Antonio Quindimil López
Licenciado en Dereito (UDC, 1999)
Mestrado en Estudios da Unión Europea (UDC, 2000)
Doutor en Derecho (UDC, 2005)
Profesor Titular de Universidade
Facultad de Dereito
Vicerrectora de Igualdade e Vida Universitaria:
Marta Fernández Prieto
Licenciada en Pedagoxía (USAL, 1989)
Doutora en Ciencias da Educación (USAL, 1995)
Profesora Titular de Universidade
Facultade de Ciencias da Educación
Vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación:
Francisco Javier Nóvoa Manuel
Enxeñeiro Informático (UD, 1998)
Doutor en Informática (UDC, 2007)
Profesor Contratado Doutor
Facultade de Informática
Vicerreitor del Campus de Ferrol:
Fernando López Peña
Enxeñeiro Aeronáutico (UPM, 1981)
Mestrado de Investigación (Von Karman Institute for Fluid Dynamics, 1987)
Doutor en Ciencias Aplicadas (Université Catholique de Louvain, 1992)
Catedrático de Universidade
Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol
Para configurar este equipo tiven en conta principalmente a competencia e a traxectoria persoal e profesional de cada un dos seus membros, aínda que a limitación no número de vicerreitorados e a necesidade de propiciar equilibrios, á vez que se mantén a pluralidade do conxunto, obrigoume a elixir a uns poucos entre moitos, todos eles competentes. Por tanto, cabe dicir que este non é o único equipo posible. E é verdade, pois sen dúbida hai outros equipos posibles, igualmente competentes. Pero este é o equipo que propoñerei eu. E fareino porque me gustan as individualidades e o conxunto. Espero pola súa banda un comportamento leal e un traballo honesto e adicado en ben da nosa Universidade. E a cambio todos os seus membros terán todo o meu apoio, a miña absoluta confianza e o meu agradecemento incondicional.
Nótese que non se indicou quen será a persoa titular da Secretaría Xeral. Como dixemos anteriormente, queremos que o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) organice o seu traballo, asumindo a responsabilidade que conleva. Para iso queremos contar con membros deste colectivo no equipo de goberno. A LOSU obriga a que as persoas titulares das vicerreitorías sexan membros do persoal docente e investigador (PDI) e atribúelles a función de desenvolver as políticas universitarias. Mais permite que a persoa titular da Secretaría Xeral sexa nomeada entre o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) funcionario con titulación universitaria que preste servizos na universidade, e dispón que actuará como fedatario/a e presidirá a Comisión Electoral. Por contraposición aos Vicerreitores e Vicerreitoras, a quen se atribúe funcións de política universitaria, o Secretario ou Secretaria Xeral contémplase como un órgano unipersoal con funcións eminentemente técnicas. Trátase, en definitiva, da Secretaría Xeral da Universidade, non da secretaría particular do reitor.
Por todo iso, a persoa titular da Secretaría Xeral será un membro do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) cuxo nomeamento se realizará tras o oportuno proceso de selección.
Complementarán ao equipo reitoral varios comisionados. Contemplo inicialmente o nomeamento dos seguintes:
Creo que a importancia das funcións que asumirán estes cinco comisionados é evidente. En liña coa importancia que outorgamos á participación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTGAS), o Delegado do Reitor para a realización dunha nova RPT será un membro deste colectivo.
En caso de recibir a confianza da comunidade universitaria, o meu equipo reitoral asumirá como propios os seguintes compromisos:
E se son elixido Reitor, comprométome a velar para que a actuación do equipo reitoral, tanto nas grandes como nas pequenas decisións que debamos adoptar, estea presidida unicamente por criterios académicos, polo respecto ás persoas, e co ánimo posto no interese xeral da nosa Universidade.
Pero sexamos concretos. A continuación relaciónanse as propostas que consideramos máis relevantes.
Atribúese erroneamente a Albert Einstein o epigrama seguinte:
“Só os necios fan o mesmo unha e outra vez e agardan resultados diferentes”
Tampouco hai probas de que o seu autor fose Mark Twain ou Benjamin Franklyn, a quen tamén se atribúe a mesma frase. Pero non por iso deixa de ser certa.
Para obter resultados diferentes é preciso facer cambios.
Velaquí algúns dos cambios que propoñemos:
E, sobre de todo:
O palentino Gómez Manrique (tío do moito máis soado Jorge Manrique, autor das coñecidas “Coplas a la muerte de su padre”), ademais dun coñecido poeta e dramaturgo do prerrenacimento español, foi un valente cabaleiro, un home culto, intelixente e de principios, e un excelente gobernante e xestor.
Os Reis Católicos premiaron a súa fidelidade concedéndolle o cargo de Corrixidor de Toledo, en cuxo exercicio demostrou unha actuación exemplar ata o momento da súa morte. Unha das súas decisións foi construír as Casas dos concellos, e na escaleira principal do Concello mandou esculpir, como a mellor coroación do seu goberno, a seguinte copla real:
Nobles, discretos varones
que gobernáis a Toledo,
en aquestos escalones
desechad las aficiones,
codicias, amor y miedo.
Por los comunes provechos
dexad los particulares;
pues os fizo Dios pilares
de tan riquísimos techos,
estad firmes y derechos.
Pasaron máis de cincocentos anos desde que se redactaron estes versos, pero os principios para o bo goberno do consistorio que enunciou Gómez Manrique non cambiaron: seguen estando plenamente vixentes e son aplicables a todas as institucións públicas.
Evitar que o egoísmo, a cobiza e o favoritismo contaminen o exercicio das tarefas de goberno é algo esencial. E cando se afrontan retos imprevisibles e de gran calado, como sucede neste momento, tamén é especialmente importante evitar que o medo nos paralice e nos desarme.
Nunca máis volveremos pedir permiso.
Agora, máis que nunca, CAMBIEMOS!
Diseño y desarrollo: TNR