A UDC, como o resto das Universidades da nosa contorna, tivo que traballar activamente durante a última década no proceso de converxencia ao Espazo Europeo de Educación Superior, despregando un gran abanico de actividades, desde os primeiros Proxectos de Innovación Educativa ata a elaboración dos Plans de Estudo de Grao e Máster. Na actualidade implantáronse un significativo número de títulos de grao e máster e nos próximos anos a nosa Universidade deberá avanzar na implantación e reformulación de títulos acorde coas demandas da sociedade.
O cambio que supuxo no sistema universitario este escenario xerou expectativas e novas oportunidades, aínda que tamén temores, receos e frustración, especialmente porque as medidas lexislativas ditadas para o seu desenvolvemento non foron acompañadas das dotacións orzamentarias necesarias, nin en medios humanos nin materiais, para abordar de forma efectiva e con rigor as transformacións que implicaban.
Este proceso de integración non finalizou coa aprobación dos Plans de Estudos, senón que abarca todo o proceso de consolidación, adecuación e reforma para adecuarse á realidade social no que a nosa Universidade está inmersa. Por este motivo, debemos afrontar un traballo amplo, á vez que extraordinariamente importante, pois nos próximos anos propoñémonos:
- Deseñar un proceso de seguimento dos títulos da UDC e da adaptación dos estudantes e dos profesores.
- Crear e dotar aos centros e departamentos dos instrumentos necesarios para conseguir os obxectivos definidos nos diferentes Plans de Estudos.
- Demandar ás administracións públicas os recursos necesarios para levar a cabo os obxectivos das diferentes titulacións.
- Garantir unha oferta formativa de calidade para todos os estudantes, de modo que adquiran as adecuadas competencias académicas, profesionais e científicas, á vez que fomente o espírito crítico, o sentido cidadán e o desenvolvemento e autonomía persoais.
A excelencia universitaria é un compromiso pola calidade dos servizos de formación superior que prestamos á sociedade. Esta dimensión social é unha realidade que a UDC ten presente (e pendente) en moi distintos contextos, como, por exemplo, a diversidade de titulacións que se ofrece, a ampla oferta de prazas nas diferentes titulacións, a aplicación de plans de calidade, a introdución de servizos de información e acollida aos estudantes, ou os plans de acción titorial, entre outras iniciativas.
Nesta vocación de servizo público de calidade que debe ter a UDC cabe enmarcar as actuacións de ampliación e restructuración da nosa oferta, que deberemos acometer nos próximos anos, a partir do estudo das necesidades da nosa contorna social e da demanda dos estudantes, e do desenvolvemento de distintas estratexias de apoio e seguimento dos Plans de Estudos das diferentes titulacións.
Doutra banda, a filosofía que inspiraba o novo espazo europeo circunscribíase a que a formación superior estivese integrada nun contexto máis amplo dentro dos procesos de aprendizaxe ao longo da vida, e que non fose unicamente unha etapa formativa intensa e de curta duración que finaliza coa obtención dunha titulación universitaria. Así, ademais das titulacións formativas de grao e posgraduado, consideramos esencial a promoción da formación continua como un xeito de aumentar o desenvolvemento persoal e benestar social, ou de perfeccionamento e actualización profesional.
De acordo con este espírito, seguidamente expoñemos as nosas propostas diferenciando as de carácter xeral das relacionadas cos programas de grao e de posgraduado e as que afectan á formación permanente.
As nosas propostas:
- Propostas de carácter xeral.
- Propostas relacionadas cos programas de Grao.
- Propostas relacionadas cos programas de Posgrao.
- Propostas relacionadas coa formación permanente.
Desenvolvemento das nosas propostas e compromisos:
- Propostas de carácter xeral
- Establecer as liñas xerais de desenvolvemento estratéxico das titulacións que conforman unha oferta da UDC axeitada ás necesidades da nosa contorna e á demanda da sociedade.
- Revisar as normativas relativas ao tamaño dos grupos, de acordo coas características das titulacións e as necesidades dos centros e as súas instalacións e infraestruturas.
- Analizar e cuantificar de modo adecuado o incremento da carga docente do profesorado.
- Analizar e cuantificar a asignación ECTS e a carga real de traballo do estudante, e propoñer mecanismos de coordinación docente para evitar a sobrecarga de tarefas.
- Dar apoio ao profesorado na implantación e o desenvolvemento de estratexias de innovación docente aplicadas ao ensino universitario, ofrecendo formación específica.
- Incentivar o uso de metodoloxías docentes innovadoras.
- Fomentar a creación de equipos de innovación docente transversais, interdisciplinares e intercentros.
- Difundir os proxectos de innovación docente para fomentar o seu uso e crear sinerxias.
- Establecer mecanismos de recoñecemento das boas prácticas docentes.
- Establecer un programa de estímulo ao rendemento académico.
- Potenciar a docencia en linguas da nosa contorna europea, principalmente inglés, co fin de facilitar a mobilidade.
- Ofrecer aos nosos estudantes unha formación integral que facilite a súa incorporación ao mercado laboral e o seu desenvolvemento persoal e profesional.
- Mellorar e ampliar as relacións coas empresas e administracións, co fin de ofrecer unha formación axeitada aos nosos estudantes.
- Desenvolver políticas conducentes a combater o abandono dos estudos nalgunhas titulacións.
- Fortalecer a oferta formativa en ámbitos estratéxicos para a UDC.
- Deseñar instrumentos de recollida sistemática de opinión dos estudantes, do profesorado e do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
- Fomentar a implantación de titulacións conxuntas con Universidades estranxeiras.
- Implantar un sistema sinxelo, áxil e eficaz de garantía interna de calidade das titulacións da UDC.
- Mellorar os equipos e recursos docentes das aulas, bibliotecas e espazos docentes co fin de facilitar o uso de computadores e outros dispositivos portátiles.
- Incrementar a dotación bibliotecaria e asumir as novas necesidades dos usuarios de bibliotecas (ipods, tablets, etc.).
- Potenciar a participación do persoal de bibliotecas como colaboradores no ensino, tendo en conta que as competencias informacionais son nucleares na UDC.
- Promover a creación de instrumentos de extensión social de soporte á formación e a práctica profesional nas titulacións que a requiren como parte da formación docente universitaria.
- Garantir a rendición de contas á sociedade do rendemento académico da nosa Universidade.
- Propostas relacionadas cos programas de Grao
- Crear a figura do “Comisionado para as Ciencias da Saúde” coa misión de coordinar todos os asuntos da área das Ciencias da Saúde da UDC e a súa relación con outras administracións públicas, institucións sanitarias e Universidades de Galicia.
- Crear unha Comisión xeral de seguimento do proceso de implantación dos graos nos distintos ámbitos de coñecemento.
- Potenciar os instrumentos de información e apoio ao estudante, como, por exemplo, os plans de acción titorial.
- Redactar un plan estratéxico dirixido ao Servizo de Bibliotecas, para optimizar os nosos recursos materiais e, especialmente, humanos.
- Facilitar a implantación de itinerarios e programacións docentes flexibles para estudantes que combinen os seus estudos con actividades laborais ou ben a realización de estudos de varias titulacións.
- Adaptar a programación e condicións dos estudos á situación de estudantes con problemas de dependencia consecuencia dunha discapacidade.
- Garantir un sistema sinxelo, eficaz e áxil para a organización e xestión das prácticas externas das titulacións de grao que as consideran.
- Garantir a calidade da docencia práctica das titulacións de ciencias da saúde segundo as necesidades dos centros, potenciando os acordos con organismos do sistema público sanitario.
- Estimular a realización de prácticas no estranxeiro dos estudantes de grao no marco de convenios con empresas, Universidades, institucións e organismos internacionais.
- Fortalecer as actuais bolsas de colaboración, de modo que os mellores alumnos poidan introducirse tempranamente na investigación e colaborar nalgunhas actividades formativas.
- Facer uso da información do observatorio ocupacional e a súa interrelación coa oferta de graos da UDC, co fin de coñecer as características, necesidades e expectativas da contorna social.
- Promover a implantación de titulacións oficiais con itinerario aberto, mención dual ou dobres titulacións.
- Propostas relacionadas cos programas de Posgrao
A formación de posgraduado caracterízase non soamente por tratarse de formación avanzada, senón tamén pola súa flexibilidade, diversidade e internacionalización. Esta formación abarca tanto os títulos de posgrao oficiais como os propios e pode implicar a participación doutras Universidades en programas interuniversitarios, así como a de institucións e entidades que formalizan a súa colaboración neste tipo de programas mediante convenios específicos. Trátase ademais de estudos cunha gran capacidade de atracción cara aos estudantes estranxeiros.
Doutra banda, cabe destacar que os estudos de Mestrado teñen inherente unha orientación predominante específica que pode ir desde a preparación para o exercicio profesional ou a formación para o desenvolvemento dunha carreira investigadora, ata o desenvolvemento persoal e social.
Entre as iniciativas relacionadas cos estudos de posgrao que nos propoñemos acometer destacan os seguintes compromisos:
- Avaliar a oferta de titulacións actualmente existente e analizar a súa adecuación coas demandas da sociedade e as liñas estratéxicas da UDC.
- Coordinar as titulacións de grao e posgrao da UDC, de forma que se oferte aos estudantes os suficientes itinerarios de especialización profesional adecuados á nosa contorna cultural, económico e social.
- Establecer mecanismos de recoñecemento ao profesorado que participa na xestión, coordinación e organización de estudos de máster.
- Establecer os instrumentos necesarios para unha xestión sinxela, eficaz e áxil a oferta dos estudos de mestrado e doutoramento, atendendo ás características particulares da súa demanda.
- Incrementar a visibilidade da oferta de titulacións de posgrao da UDC.
- Promover o desenvolvemento de doutoramentos profesionalizantes e industriais ligados a empresas ou institucións.
- Fomentar os proxectos interuniversitarios e potenciar a oferta de titulacións internacionais.
- Propostas relacionadas coa formación permanente
- Apoiar a realización de programas de reciclaxe profesional e actualización de coñecementos, en colaboración cos colexios profesionais e outras institucións empresariais e sindicais.
- Incrementar e diversificar, para o persoal da UDC, os programas de formación relacionados coa súa actividade profesional.
- Potenciar a oferta de ensino de idiomas a través do Centro de Línguas e promover o recoñecemento oficial dos estudos de idiomas cursados na UDC.
- Fomentar as actividades e titulacións da Universidade Senior.
- Incrementar a visibilidade da oferta de programas de especialización e as potencialidades da UDC na organización de novos programas de interese para a sociedade.